Damos pulo a esta convocatoria, ainda que fique algo lonxe das nosas terras galegas, que traducimos do blogue Valladolorentodaspartes ao respeito da convocatoria de resposta solidaria ante o xuízo ao que se van enfrontar dois compas anarquistas e que terá lugar o vindeiro xoves 6 de marzo, xuízo no que lles peden 18 meses de prisión e multas várias.
No comunicado fan unha interesante reflexión e dan conta do suceso que deu pé a esta petición fiscal e do seu parecer ao respeito da razón desta e da súa expresa negativa a pactar e negociar con policías e xuíces. Colamos pois, unha vez traducido:
Comunicado da convocatoria da Concentración para este Sábado 1 de marzo ás 12:00 na Praza Abilio Calderón, Palencia:
O pasado 25 de agosto de 2013 varios compañeiros anarquistas acudiron ao lugar no que a policía nacional estaba a deter e golpeaba un compañeiro antifascista, intentando evitar que continuasen os golpes. A presenza de aproximadamente unha ducia de persoas que os increpaban, xerou nerviosismo nos axentes e fixo que, ademais de pedir reforzos, se levasen rapidamente as mans á porra. Inmediatamente esixiuse aos nosos compañeiros a abandonar a zona na que se encontraban (rúa Antonio Cabezón), ao cal obviamente se negaron. Unha vez aparecidos os reforzos (policías locais), a bravuconería dos axentes viuse en aumento, co que empezaron os abaneos e as porradas, das cales, loxicamente, os compañeiros se defenderon. Esta situación rematou con dous compañeiros detidos xunto co compañeiro antifascista.
Tras pasar a noite en comisaría, conduciuse ante o xuíz aos compañeiros anarquistas onde se lles comunicou que estaban acusados de Resistencia/grave desobediencia á autoridade/axente e atentado á autoridade por lesións, as cales xustifican en golpes que, realmente (e desgraciadamente), os nosos compañeiros non propinaron.
O xuízo realizarase o próximo 6 de marzo, e a petición fiscal para cada un é de 18 meses de prisión, uns 300 euros de responsabilidade civil, e 45 días de multa a 10 euros por día (de non a pagar conmutaríanse por 1 día de privación de liberdade por cada 2 de multa).
Sabemos moi ben que é a policía; son un corpo armado responsable de defender o poder establecido, ese que lles paga, e que neste caso se chama democracia. A súa misión é evitar que a cousa se vaia de nai xerando medo para que este afogue a ansia revolucionaria. Por iso, os simples axentes adoitan formar parte dos estratos baixos da sociedade, e outorgándolles un rango de autoridade, unha educación alienante, e un bo soldo, golpearán, multarán, e farán todo o que o poder lles ordene contra eses mesmos estratos baixos dos que proveñen. Son uns traidores, uns mercenarios…y por iso mesmo, repúgnannos.
Nun segundo elo encóntrase o poder xudicial, o cal responde o mesmo amo que a policía: a democracia. Composto por burócratas, fiscais e xuíces, aos cales nunca regalamos o dereito a xulgarnos, cumpre a mesma función, pero sen necesidade de porras na man. Impoñerán multas e enviarán a prisión a quen non se adapte ao seu réxime democrático… e cando adaptarse significa entregarse de cheo á escravitude asalariada, matar as nosas frustracións fronte á tele ou no centro comercial, obedecer sen chistar aquilo que detestamos, e, en definitiva, oír, ver e calar, nos negamos a adaptarnos para poder saír na foto.
Nin nos sorprende nin nos lamentamos polo que pasou. O anarquismo é o seu inimigo, e eles son inimigos do anarquismo.
Por iso sabemos que os nosos compañeiros son xulgados principalmente por ser anarquistas. E sabemos tamén que o poder mediante a fiscalía intentará poñer sobre a mesa pactos nos que, a cambio de que acepten o que se negan a aceptar e de que pidan perdón, se lles reducirá notablemente a condena. Os dous compañeiros, dado que as súas situacións persoais llelo permiten, néganse a pactar nada cos seus inimigos, ao igual que se negan a pagar todo o que nas súas mans estea non pagar (dado que para cobrarse a responsabilidade civil serán embargados).
Chamamos á solidariedade cos compañeiros anarquistas, tanto cos dous compañeiros de Palencia que se enfrontan a xuízo, como con todos e cada un dos compañeiros que son represaliados e encarcerados no estado español ou en calquera dos estados do mundo.
A acción directa é a nosa arma.
SOLIDARIEDADE COS COMPAÑEIROS ANARQUISTAS!
MORTE AO ESTADO E VIVA A ANARQUÍA!
trad x eDu