Reproducimos este panfleto antielectoral (clicade aquí para a súa descarga en pdf) e que nos remitiron vía e-mail, redactado por “algunhas individualidades anarquistas” e que se está repartindo estes días por Pontevedra e outras localidades próximas. As remitentes engaden que “Agardamos sexa útil!”. Alén colamos o deseño antielectoral que nos fixeron chegar outras compas da Galiza:
“Que o desexo de liberdade non se conforme co que existe, e vaia ao asalto do que nunca foi…”
Debido ás recentes “crises económicas” moitas persoas cuestionan o proceso electoral por falta de fe nos representantes, dada a súa falta de sensibilidade fronte aos problemas da sociedade. Está demostrado que o sistema democrático é, mesmo na “mellor” das súas caras, un sistema excluínte, xa que exclúe ás minorías, pero doblemente inxusto cando é representativo pola acumulación de poder nun pequeño grupo que (supostamente) representa ao conxunto da sociedade.
O Estado capitalista sabe que a súa eternidade achégase ao seu fin. A estafa non saiu como esperaban, e a pauperización das nosas condicións de vida fai eclosionar a raiba que moitos acumulan nos seus corazóns. As paradas, as precarias, as que malviven con contratos de merda, as indocumentadas, as estudantes que non poden seguir pagando, as desafiuzadas, as apaleadas polas “forzas da orde”… Xa poucas confían nesas institucións corruptas, ladronas e mentireiras. Por iso, o Poder precisa novas caras que volvan a convencer ao pobo de que o Estado é necesario. Podemos, Ciudadanos, Mareas… Nós non creemos na súa carisma nin nas súas promesas, e non aceptamos a súa autoridade, porque sabemos que é o mesmo de sempre con outro aspecto.
Neste contexto, facemos un chamado á abstención activa. A pesar de que na normativa electoral a abstención está representada a través do voto nulo ou en branco, quenes nunca creímos no conto democrático sabemos que ambos son trampas para reafirmar o modelo vixente tendo en conta a participación social. Nós propoñemos a abstención, pero ao mesmo tempo impulsamos ferramentas propias, autónomas e coherentes dende as cales recuperar a nosa capacidade de organizarnos horizontalmente e sen líderes nin representantes. Cremos que máis alá das trampas da representación é posible poñerse de acordo e tomar as nosas propias decisións. O Estado impón a súa mediación e prívanos dos mecanismos que precisamos para vivir sen a súa tutela, mentras nos conta que dende fora das súas estructuras non se pode mudar nada. Nós, sen embargo, preguntamos: Cando mudou algo o voto? Non foron acaso as revoltas, as folgas revolucionarias e salvaxes e as loitas ao marxe e en contra do Estado as que sempre, ao longo da historia, lograron facer retroceder ás clases dominantes? O Poder non vai renunciar aos seus privilexios dócilmente, nin acatará a vontade popular se ésta cuestiona de raíz o seu status-quo. Só nos permiten xogar no seu taboleiro e coas súas normas. Por iso nos rebelamos. Porque nós non queremos mudar de táctica. Queremos esnaquizar o taboleiro e rematar dunha vez con este xogo hipócrita e miserable…
Porque os nosos soños non caben nas súas urnas!
Porque como dixo Emma Goldman, “As ferramentas do amo nunca desmontarán a casa do amo”
Abstención activa, asamblearismo, autoxestión, folga, sabotaxe!
Asdo: Os/As Anarquistas…