Reproducimos o comunicado do Centro Social Okupado de Palavea sobre o seu desaloxo e aproveitamos, a petición expresa da asemblea, para difundir as convocatorias dunha concentración de protesta hoxe ás 20:00h diante do Obelisco e mais outra manifestación prevista para o próximo sábado 29 de marzo, ás 19:00h, tamén no Obelisco. Aquí deixamos o comunicado:
DESALOXADO O C.S.O. PALAVEA!
Hoxe, martes 25 de marzo, un desmesurado dispositivo policial desaloxaba o Centro Social Okupado de Palavea. Decenas de furgonetas de antidisturbios, apoiadas por coches da gardia civil, asaltaban ás 7:30 da mañá o inmoble dando fin a case tres anos de autoxestión, compromiso e rebeldía. No momento do desaloxo unicamente durmía no lugar unha persoa, unha muller desafiuzada poucos meses antes da súa vivenda e que, abandoada polas institucións, atopara acubillo no noso Centro Social.
O pasado luns 17 rematara o prazo concedido polo xulgado para abandoar o edificio pero, pese ao específico da sentenza, a policía preferiu desgastar aos resistentes durante máis dunha semana antes de executar a orde.
Tras varios anos de rebelde existenza, finalmente conseguiron rematar coa inmensa insolencia que supón a existenza dun espazo liberado das poutas do capitalismo e da xerarquía para devolvelo ao redil do mercado.
Pero, como prometéramos, as súas agresións terán resposta nas rúas:
ESTE SÁBADO, 29 DE MARZO, MOBILIZACIÓN DE PROTESTA CONTRA O DESALOXO DO C.S.O. PALAVEA E EN DEFENSA DOS ESPAZOS LIBERADOS ÁS 19:00H DIANTE DO OBELISCO.
Porque os espazos liberados son ferramentas de transformación social coas que combater o sistema de dominación. Vémonos nas rúas!!
DEZ, CEN, MIL CENTROS SOCIAIS
UN DESALOXO OUTRA OKUPACIÓN!!!