Colamos de ContraMadriz este enlace ao pdf deste Fanzine que recompila algúns textos críticos relacionados coas eleccións municipais, a política e os políticos.
Asimesmo traducimos a Introdución
Imaxinamos que todo o mundo coñece o xogo chamado trile que consiste en que unha persoa nunha mesa, no chan ou sobre unha caixa de cartón, manexa habilmente tres cartas ou tres gobeletes e unha boliña, a cal vai pasando dun gobelete a outro, movido con gran destreza e que cando se acaba de mover a boliña dun lado ao outro, as persoas que están arredor deben apostar. É raro que a xente que aposta non saiba que o trilero ten a boliña (que adoita ser de caucho) escondida entre os dedos das mans e que cando se aposta, pois, nunca está onde parecía estar. Xeralmente o trilero está acompañado de compañeiros que con moito talento finxen ser apostadores-gañadores, o que incentiva a que algún distraído caia no xogo. Pero é case imposible imaxinar que quen xoga realmente crea na posibilidade de gañar, senón que é a situación, cos actores finxindo ser conselleiros do distraído correspondente, o que marea e fai caer na trampa á persoa.
Xeralmente cualificado como «estafa», pero o certo é que quen xoga xa coñece as regras do xogo e, como calquera outro xogo de azar máis ou menos amañado, un debe ser terriblemente inxenuo para crer na benevolencia monetaria do que vende a participación neste.
As eleccións políticas non funcionan de xeito moi distinto. Un candidato ou unha serie deles, xa sexa persoas, partidos ou coalicións, venden un produto que no fondo non son máis que promesas: de cambio, de benestar, de futuro, de traballo, de diñeiro. Ao igual que os vendedores de paraísos ou lotarías, os políticos venden promesas a cambio de votos. E quen cae nese xogo, sabe que está a ser estafado. Pero neste caso, quen coñece as regras e participa, faino sabendo que no fondo, na política institucional, cando as cousas cambian, se non é para que a situación empeore é para que todo siga igual.